O verdadeiro problema da labazada




Celso Currás :: La Voz de Galicia


O problema educativo dos fillos que non fan caso dos pais, que como reacción caprichosa destrúen o primeiro que atopan diante e que carecen da máis mínima empatía, non xorde de repente nin se soluciona cunha labazada. Tampouco se restitúe a autoridade paterna cunha absolución xudicial por ese castigo, entre outras razóns porque nunca a houbo. O auténtico problema ven de tantos anos atrás como ten o rapaz; é dicir, ten a orixe no propio berce, onde debe comezar a educación, para a que han estar capacitados os pais.

Unha cousa é unha labazada espontánea a un rapaz que ten unha reacción irreflexiva ou un capricho momentáneo e outra, moi diferente, unha labazada que intenta cortar un comportamento xa consolidado, froito de erros e de contradicións educativas. No primeiro caso, a labazada pode resultar eficaz, aínda que sexa prescindible. No segundo, chega tarde e as posibles solucións son complexas e urxentes.

Nos tres primeiros anos de vida implántanse a tolerancia ás frustracións e a solución aos conflitos. Protexer máis alá do normal aos fillos, actuar con medo á perda do seu cariño ou a causarlles traumas, é moi prexudicial para a súa educación. Os expertos coinciden en que a autoridade é un valor fundamental para o normal desenvolvemento da persoa. A desobediencia sistemática e as reaccións caprichosas e mesmo violentas dos nenos, acostuman ser produto dunha educación permisiva ou excesivamente protectora, sen regras nin límites, que evita todo tipo de autoridade e que confunde esta con autoritarismo. A consecuencia son fillos mimados, consentidos e dependentes que, como consecuencia, carecen de autocontrol e de madurez. Chegados á adolescencia poden ser violentos e desconsiderados e non teñen a empatía imprescindible para as relacións humanas.

Non estraña, xa que logo, que cada día estea máis xudicializada a vida escolar, desde a labazada ao acoso, pasando pola custodia dos fillos ou a convivencia, Pero neste poder non se vai atopar a solución definitiva, pois seguirá a haber sentenzas contraditorias que xeren confusión e que obriguen ao executivo a complicar máis un marco legal xa moi enmarañado. Os profesionais da educación continuarán dedicando moito tempo a atender a alumnos e a pais que veñen a demandar respostas a conflitos que non xurdirían de terse actuado ben no seu momento. E cuxos desenlaces acostuman ser prexudiciais para as boas relacións na escola.

É certo que a solución, a longo prazo, pasa por un importante cambio social, pero a medio é imprescindible que as Administracións públicas potencien a formación de pais no propio centro educativo e nos fogares, chegando a acordos cos medios de comunicación de máis penetración neles. Ter fillos require capacitación para educalos adecuadamente e hai tantos estereotipos e presións externas negativas que a maior parte dos pais recoñecen non saber facelo.


Seguinte
« Prev Post
Anterior
Next Post »